A Copa 5×5 de Balonmán na Rúa da Deputación da Coruña pechou este domingo, 30 de novembro, unha nova e brillante sede no Concello de Carnota, confirmando un ano máis que esta localidade é sinónimo de participación, ambiente e compromiso co deporte base.
Ao longo da xornada viviuse unha participación moi numerosa, con nenos e nenas de todas as idades desfrutando do balonmán nun formato dinámico, aberto e accesible para todos. O pobo de Carnota volveuse a envorcar coa actividade, enchendo os espazos de xogo e creando un ambiente excepcional, no que familias, amizades e público en xeral acompañaron e animaron durante toda a xornada.
A ausencia dun club local non foi impedimento para o éxito da sede, senón todo o contrario: Carnota demostrou, unha vez máis, que conta cun enorme potencial deportivo, abrindo a porta á posibilidade de que no futuro poida xurdir unha escola de balonmán que dea continuidade á ilusión e ao interese xerado arredor desta Copa 5×5.
Desde a organización quérese agradecer especialmente o apoio da Deputación da Coruña, principal impulsora deste circuíto e peza clave para que a Copa 5×5 de Balonmán na Rúa siga medrando e chegando a máis concellos. Así mesmo, agradécese a colaboración do Concello de Carnota, así como a implicación de todas as persoas voluntarias e participantes que fixeron posible unha xornada inesquecible.
A Copa 5×5 non se detén e continúa o seu percorrido coa seguinte sede, que terá lugar no Concello de Noia, onde o balonmán na rúa volverá ser protagonista.



