CASE DOUS ANOS E MEDIO DESPOIS, AS NOSAS SELECCIÓNS VOLVEN A UN CESA

Pasaron case dous anos e medio da última viaxe das nosas seleccións a un Campionato de España de Seleccións Territoriais. Despois da suspensión do CESA 2021 e do aprazamento da edición do 2022 ata Semana Santa, chegou o momento da verdade. As seleccións galegas infantil, cadete e xuvenil masculinas e femininas participarán no CESA do Mar Menor do 9 ao 14 de abril.

Foi unha preparación moi accidentada, marcada pola pandemia da COVID, pero que as nosas seleccións levaron o mellor posible, ata que chegou o aprazamento do CESA do Nadal a Semana Santa. Agora chegou o momento da verdade. A expedición galega chegou hoxe a Murcia, sen novidades e lista para saltar a pista.

A competición comezará mañá día 9 e as seleccións galegas terán o seguinte calendario:

Infantil feminina. Galicia forma parte do grupo A xunto a Navarra, Canarias e Comunidade Valenciana.A seleccionador Ana Alonso explica que  “a xeración infantil confórmana as xogadoras que viviron o período  COVID de maneira moi intensa, en plena época de desenvolvemento balonmanístico. Por tanto, o cambio de data consideramos que non nos afecta negativamente porque as xogadoras tiveron un tempo extra de adestramentos e competición que as fai chegar con maior madurez. O equipo chega nun bo momento e seguro que poderemos ver partidos moi competidos desta xeración”. Sobre o grupo do que forman parte, Ana pensa que “ao ser a primeira participación desta xeración no CESA os prognósticos son difíciles. Comunidade Valenciana, Canarias e Navarra son comunidades con moita tradición no noso deporte e que sempre son competitivas, polo que a priori vai ser un grupo que se resolverá por mínimas diferencias”.

Mañá, Galicia-Comunidade Valenciana (09:30 horas).

Infantil masculina. Galicia forma parte do grupo B xunto a Cataluña, Euskadi e Asturias. O aprazamento do CESA prexudicou a esta selección, xa que perdeu por lesión a tres xogadores importantes, pero o seleccionador Adrián Menduiña, trata de ver o aspecto positivo e é que “tivemos máis tempo para pulir detalles” e “ademais o grupo é unha piña, que é unha das cousas máis importantes. Con respecto ao apartado físico temos unha xeración con bastante talla con respecto a outras xeracións anteriores, que iso sempre dá un plus á hora de competir”. O grupo, a priori, parece complicado, pero Menduiña afirma que irán partido a partido.

Mañá, Galicia-Asturias (13:00 horas)

Cadete feminina. O grupo B está formado por Andalucía, Galicia, Navarra e Euskadi. O seleccionador Adrián Pumar está moi contento coa selección creada: “É un grupo de xogadoras dun nivel de xogo moi similar. A competencia dentro de cada posto é alta e permitiu ter un nivel de adestramentos moi bo. O equipo mostrou un nivel de rendemento homoxéneo, independentemente de que xogadora estea no campo, que nos virá moi ben para manter un alto nivel competitivo neses momentos malos que seguro teremos”.

Con respectos aos obxectivo, Pumar asegurou que “buscamos levar ás pistas de Murcia o balonmán tan atractivo que, creo, desenvolvemos durante toda a preparación e competir cada partido dende a nosa idea de xogo. Queremos que a xente o pase ben vendo os nosos partidos, que guste o noso balonmán e por suposto divertirnos nós no campo”. O grupo B é duro, así que os obxectivos irán día a día. O primeiro, manter a categoría e, “a partir de aí non nos poderemos límites, iremos pelexar polas medallas, pero veremos como se desenvolve a competición os primeiros tres días”.

Mañá, Andalucía-Galicia (13:00 horas)

Cadete masculina. Tremendo o grupo de Galicia cadete masculino, con Cataluña, Valencia e Andalucía. Os números son claros, tal el como sinalou o seleccionador César Arman: “A verdade é que nos tocou o grupo máis duro. Hai dous anos os nosos rivais quedaron 1º, 2º e 3º no campionato infantil, pero iso fai que o reto sexa aínda máis motivante. Nós non temos nada que perder, sabemos que imos ben preparados”.  Do seu grupo destacou Armán, “temos un bo grupo, con xogadores de moita proxección e con fame de facer as cousas ben no CESA. A nosa principal arma é o traballo realizado durante todos estes meses de preparación, que foron moi duros. Sabemos que con todo o traballo feito ata o de agora podemos chegar lonxe na competición, pero non todo depende de nós, polo que imos competir e a deixarnos a pel en todos os partidos”.

Mañá, Andalucía-Galicia (11:15 horas)

Xuvenil feminina.  O grupo B está formado por Comunidade Valenciana, Galicia, Aragón e Navarra e o noso combinado chega con tres baixas (dúas de campo e unha en portería). A seleccionadora Carla Abad destaca do seu grupo que “todas as seleccionadas teñen un bo nivel. Son xogadoras fundamentais nos seus equipos xuvenís, moitas delas están a ser tamén moi importantes nos equipos sénior”.

Sobre obxectivos, Carla di que “imos centrarnos no partido de Valencia e en conseguir gañalo, o que nos axudaría a conseguir o segundo obxectivo, que sería pasar á seguinte fase”.

Mañá, Comunidade Valenciana-Galicia (11:15 horas)

Xuvenil masculina. Galicia forma parte do grupo B xunto a Navarra, Madrid e Andalucía, un grupo duro sen dúbida. “Son comunidades onde o balonmán en xeral e o de base en particular ten un peso específico e destacado no panorama nacional. Entenderemos que as súas seleccións sempre terán un xene competitivo sobresaínte e si a iso engadimos, un modelo de traballo que ao longo dos anos está a dar importantes froitos, independentemente do talento dunha determinada xeración, chegamos á conclusión que cada partido fronte a cada unha de estás seleccións, será da máxima esixencia. O grupo estará con certeza moi aberto e Galicia debe de afrontalo coa máxima ambición competitiva”, afirmou o seleccionador Fernando Vázquez, quen explicou que o cambio de datas no aspecto deportivo lles beneficiou xa que recuperaron a varios xogadores que estaban lesionados, aínda que a preparación foi complexa ao non poder contar con todos nos adestramentos.

Mañá, Galicia-Andalucía (13:00 horas)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *