ESTA FIN DE SEMANA, FINAL FOUR XUVENIL MASCULINA E FEMININA EN CANGAS

Chegou por fin a primeira Final Four da tempada 21/22! Esta fin de semana (2 e 3 de abril) xogarase no Gatañal (Cangas) a Final Four xuvenil masculina e feminina. En xogo, a clasificación para os sectores nacionais, así que temos por diante dúas xornadas de moito balonmán e emoción.

O sábado 2 de abril comezaremos coa competición masculina. A primeira semifinal enfrontará ao BM Luceros (segundo clasificado) co Balonmán Porriño (quinto na Liga) a partir das 11:00 horas. A continuación (13:00 horas) disputarase a segunda semi entre o BM Tui (4º) e a SD Teucro Voz y Sonido Producciones (3º). Os dous equipos clasificados xa terán garantida a súa praza nos sectores nacionais, ao ampliarse o cupo galego a tres equipos, polo que disputarán os sectores nacionais O Cisne Colegio Los Sauces (campións galego) e os dous finalistas da Final Four.

Pola tarde, chegará o momento da competición feminina. Na primeira semifinal (16:00 horas) o Calfrima Carballal (2º clasificado) enfrontarase a gran sorpresa da fase, o Coreti Lalín, campión da Liga Prata. O conxunto lalinense logrou superar ao BM Lavadores (5º clasificado Liga Ouro) na eliminatoria pola Final Four, sendo a primeira vez que o campión de Prata elimina ao conxunto da Liga Ouro.

A segunda semifinal comezará ás 18:00 horas con Vitaldent Cangas (3º) e Mecalia Atlético Guardés (4º) como protagonistas. Nesta ocasión, os finalistas aínda terán que dar un paso máis para acadar a súa clasificación para a competición nacional. Na categoría xuvenil feminina logran entrar nos sectores nacionais o campión galego (BM Porriño) e o gañador da Final Four.

O domingo pola mañá celebraranse os partidos de loita pola terceira posición e pola tarde, despois do partido de Asobal Frigoríficos do Morrazo BM Cangas-Bada Huesca, celebraranse as dúas finais. A masculina comezará ás 18:30 horas e a feminina, ás 20:30 horas. Todos os partidos serán retransmitidos por streaming na canle de youtube da Federación Galega de Balonmán.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *