O BALONMÁN GALEGO CELEBROU A ASEMBLEA ORDINARIA 2024

A ASEMBLEA CELEBROUSE NO SALÓN DE ACTOS DA FEDERACIÓN GALEGA DE BALONMÁN, DEU COMEZO ÁS 17:00 HORAS E REMATOU SOBRE AS 20:30 HORAS.

No día de onte celebrouse a Asemblea Ordinaria da Federación Galega de Balonmán, cunha asistencia superior ao 50%.

Ás 17:00 horas, en segunda convocatoria deu comezo a xuntanza do Balonmán Galego onde se realizou un balance da tempada 2023-2024 e se aprobaron as principais liñas polas que se transcorrerá a tempada 2024-2025.

A asemblea, presidida polo presidente da Federación Galega de Balonmán, aprobou as contas do ano 2023 cun resultado do exercicio positivo de 44.903,02€; aínda así Bruno López insistiu na importancia de realizar axustes no investimento nas diferentes áreas e na necesidade de xerar máis financiación tanto pública como privada, xa que é preciso recuperar a estabilidade económica despois dun ano 2022 moi complicado neste ámbito.

Dende a Federación Galega realizouse un balance deportivo da tempada, no que se falou das seleccións galegas, das diferentes competicións autonómicas e nacionais e dos eventos de promoción e difusión do balonmán realizados ata a data. Dende a xunta directiva da federación fíxose fincapé no investimento realizado na Xira Galega de Balonmán Praia, sendo a única federación autonómica que asume o 100% da organización das probas. Falouse tamén do estado estrutural da federación, xa que medrou moito en persoal pero tamén en actividade, Bruno López insistiu na gran capacidade de traballo e na implicación do grupo directivo e laboral da Federación Galega de Balonmán, que apoiado polo gran traballo que se está a facer dende os clubs, está a acadar importantes resultados. E en relación aos resultados, unha das notas máis positivas foi que a comunicación do Anuario de Estadísticas Deportivas 2024 por parte do Ministerio de Educación, Formación Profesional e Deportes, confirmou que actualmente a Federación Galega de Balonmán é a segunda federación autonómica con máis licenzas (por detrás de Cataluña), Galicia ascendeu do quinto ao segundo posto en catro anos; data que fala moi ben da evolución e do traballo conxunto que está a realizar o Balonmán Galego.

Nas propostas relativas a competicións xurdiu o debate da proximidade xeográfica nas competicións de segundo nivel e modificouse o formato da Súper Copa Galicia Masculina, realizando unha eliminatoria entre os equipos da División de Honra Prata a partido único e que clasificaría para a final que se celebrará o 25 de agosto en A Guarda, coincidindo coa Supercopa Feminina e que enfrontará ao gañador ao Frigoríficos do Morrazo Balonmán Cangas, único representante galego na máxima categoría.

A asemblea tamén modificou varios artigos do NOREBA-GA dirixidos a aclarar mellor a norma mediante unha nova redacción, ademáis de incidir na indumentaria dos equipos e staff técnicos e actualizar as tarifas arbitrais de balonmán praia e categorías sénior femininas.

Por último, aprobouse o calendario da tempada 2024-25, condicionado polo número de equipos que se inscriban en categorías sénior e Ligas Prata e á espera de confirmación do calendario da Liga Asobal.

Dende a federación falouse dos proxectos a curto prazo relacionados coa profesionalización e a dixitalización para facilitar a labor dos clubs no día a día, ademáis trataron temas relevantes coma a Lei de Protección á Infancia e á Adolescencia fronte á Violencia e preocupación xeral por (parte de todos os estamentos) e medidas a adoptar ante o mal comportamento nas gradas sobre todo nas categorías alevíns e benxamíns.

Bruno López comentou que nas vindeiras semanas as selecións galegas de balonmán praia acudirán ao CESA en Murcia (categorías infantil e cadete) e as seleccións infantís de pista ao Torneo de Cangas del Narcea, mentres que restan tres probas da Xira Galega de Balonmán Praia e a Copa 5×5 de Balonmán na Rúa Deputación de Pontevedra.

Deste xeito, a Asemblea Xeral Ordinaria estableceu os pilares sobre os que se fundamentará o Balonmán Galego na videira tempada, un balonmán que segue a medrar co traballo de todos os estamentos.