O MECALIA ATLÉTICO GUARDÉS BUSCA CONFIRMAR NA SANGRIÑA O PASE NA CHALLENGUE CUP

Chegou o momento do regreso da competición europea ao Pavillón da Sangriña. O Mecalia Atlético Guardés xogará o domingo 17 de novembro (19:00 horas, TVG) o partido de volta contra o DHB Rotweiss Thun SPL 1, da terceira ronda da Challengue Cup . Na ida as galegas venceron con rotundidade ao conxunto suízo.

O Mecalia xa non é un equipo inexperto en Europa. O seu debut a nivel internacional foi na tempada 13/14 na Winner´s Cup e dende entón non deixou de competir a nivel europeo. Na Challengue Cup o conxunto galego participou no ano 2016, cando chegou aos cuartos de final.

Esta tempada hai que dar o primeiro paso e avanzar esta ronda. Na ida, o conxunto da Guarda, que está nun magnífico estado de forma e de confianza, venceu (17-25) e encarrilou a eliminatoria. Pero non queren confianzas. Así nolo conoua unha das galegas do Guardés, Lorena Pérez, quen afirmou que está prohibido confiarse: «Alá puxéronnos as cousas difíciles e ata aproximadamente o minuto 45 non conseguimos afianzar a defensa e romper o partido. A clave vai estar en manter un nivel defensivo alto, correr e atacar con paciencia».

Lorena recoñeceu que xogar en Europa e ademais en Galicia é algo único. «Para mín é un soño estar vivindo esta oportunidade, e estando na casa, máis aínda, acompañada dos meus e gozando na miña terra desta experiencia», manifestou.

A pesar de que xogar en Europa é unha experiencia única, non é un dos obxectivos da campaña: «Obxectivo como tal non, a idea é competir ao máximo nivel e ir sacando as eliminatorias e pasando de ronda, sen presións innecesarias pero intentando competir ao máximo», concluíu a deportista de Salceda.

Dende a Federación Galega de Balonmán queremos desexarlle a mellor das sortes ao Guardés!

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *