A oitava edición do Torneo Galicia-Salnés das categorías xuvenil, infantil e cadete (masculina e feminina) terá este ano un compoñente especial, xa que todo xirará en torno a concienciación contra a violencia de xénero. O torneo disputarase os días 6, 7 e 8 de decembro en Sanxenxo, O Grove, Meaño e Vilanova de Arousa e, como todos os anos, servirá de preparación para as nosas seleccións, cara ao Campionato de España de Seleccións Territoriais que se celebrará a comezos do mes de xaneiro de 2020 en Cantabria.
En total participarán 24 equipos de seis categorías, estando presentes as seleccións de Asturias e Castela e León que disputarán dentro dunhas semanas o Campionato de España en Cantabria.
Na categoría infantil (masculina e feminina), Galicia enfrontarase as seleccións de Asturias, Castela e León e unha selección do Salnés.
Na categoría cadete masculina, xogarán Galicia, Asturias, Castela e León e unha selección da zona de Aveiro (en Portugal), mentres que en cadete feminino o cuarto equipo participante será UB Lavadores xuvenil feminino.
Nas categorías xuvenil, o cuarto representante será o Asmubal Meaño na categoría masculina e unha selección sénior do Morrazo na feminina.
O sistema de competición será de unha liguilla de todos contra todos a unha única volta. Os encontros comezarán o venres 6 de decembro en horario de tarde e finalizarán o domingo 8 de decembro pola tarde cos dous encontros da terceira xornada das categorías xuvenil masculina e feminina. A clausura e entrega de premios celebrarase o domingo 8 a partir das 19:00 horas no Pavillón de Vilanova de Arousa.
Non á violencia de xénero. Nos últimos meses a Federación Galega de Balonmán estivo desenvolvendo, en colaboración coa Secretaría Xeral de Igualdade e a Secretaría Xeral para o Deporte, unha campaña de concienciación contra a violencia de xénero. No torneo do Salnés porase punto e final a esta campaña, con camisetas e globos de cor violeta, invitaremos aos afeccionados a sumarse á campaña e as e os árbitros pitarán co logo de “NON” nas camisolas e os chifres serán de cor morada. Ademais, como xa fixemos durante estes meses con diferentes representantes do balonmán galego, e os equipos participantes realizarán pequenos vídeos insistindo en valores fundamentais como respecto, educación e igualdade, para loitar contra esta lacra social.
Debes ser identificado introducir un comentario.