SUPERCOPA GALICIA 2024: O BAIXO MIÑO BRILLA CON DOBLE TRIUNFO

O pasado domingo 25 de agosto, A Guarda acolleu a Supercopa Galicia 2024, un evento que deixou aos afeccionados ao balonmán vibrando coas actuacións estelares dos equipos.

A Supercopa Galicia 2024 tivo lugar no pavillón municipal de A Sangriña, en A Guarda, converténdose nun escenario de emoción e competencia de alto nivel. Este evento, que xa é un clásico no calendario deportivo galego, viu como os equipos do Baixo Miño lograron alzarse cos títulos tanto na categoría masculina como na feminina.

O primeiro partido da xornada comezou ás 17:00 horas e enfrontou ao Frigoríficos do Morrazo Balonmán Cangas, ata o momento «o rei» da Supercopa, contra o Valinox Novás. O Cangas chegaba a esta edición coa intención de manter o seu reinado intacto, pero a historia tomou un xiro inesperado. Dende o asubío inicial, o Valinox Novás demostrou unha determinación férrea e un xogo contundente que deixaron ao Cangas sen resposta. A portería, defendida de xeito maxistral por Nil Guiteras, converteuse nun verdadeiro muro para o equipo do Morrazo, quen, a pesar dos seus esforzos, non foi quen de superar a velocidade e precisión dos rosaleiros.

O Frigoríficos do Morrazo Balonmán Cangas, a pesar de ir por detrás no marcador, non se rendeu e mantivo a presión sobre o Valinox Novás durante todo o encontro, chegando a poñerse a só catro goles a falta de dez minutos para o final e só a un no resultado final. Pero a eficiencia en ataque do Novás, sumada á brillante actuación de Nil Guiteras, quen foi elixido MVP do partido, aseguraron a vitoria para o equipo rosaleiro. Foi unha vitoria que fixo historia, sendo o primeiro título de Supercopa para o Valinox Novás e a primeira vez que o Frigoríficos do Morrazo Balonmán Cangas perde este trofeo.

Ás 19:00 horas, chegou o turno do partido feminino, onde se enfrontaron o Mecalia Atlético Guardés e o Conservas Orbe Zendal Balonmán Porriño. O encontro foi un auténtico espectáculo de alternancias, con ambos equipos mostrando un alto nivel tanto en ataque como en defensa. O Conservas Orbe Zendal Balonmán Porriño comezou forte, mostrando unha grande efectividade en ataque e unha sólida defensa, liderada pola porteira Ayelén Rosalez e as xogadoras Malena Valles, Paulina P. Buforn e Aitana Santomé, que conseguiron manter ao seu equipo un gol por diante ao descanso.

Na segunda metade, o Mecalia Atlético Guardés realizou axustes clave que lles permitiron tomar o control do partido. As xogadoras María Palomo e Elena Martínez destacaron na defensa, mentres que África Sempere se multiplicou no segundo defensivo para frear o ataque do Conservas Orbe Zendal Balonmán Porriño. En ataque, Pauli Fernández e Cecilia Cacheda, xunto con Itziar Martínez, comezaron a castigar a portería do Porriño, mentres Elena Martínez, quen foi elixida MVP do partido, xogou un papel crucial con varias penetracións decisivas e conexións coa pivote, axudando ao Guardés a rematar o encontro cunha vitoria por todo o alto.

A Supercopa quedou, así, no Baixo Miño, con ambos os dous títulos indo a parar ás vitrinas do Valinox Novás e o Mecalia Atlético Guardés. Pero isto non foi todo; a Federación Galega de Balonmán quixo render homenaxe a varias figuras e colectivos destacados polo seu esforzo e dedicación ao deporte. Entre os recoñecidos estaban os compoñentes dos Hispanos Júnior, campións do mundo, as compoñentes das Guerreras Universitarias, tamén campioas do mundo, e os compoñentes dos Hispanos Xuvenís, oitavos no Campionato de Europa. Ademais, fíxose unha emotiva lembranza a Juan Rodríguez, Presidente Honorífico do Club Atlético Guardés, con ademais un minuto de silencio e outro de aplausos, e á Peña O Inferno polo seu décimo aniversario.

Con este evento de éxito, o balonmán galego amosou, unha vez máis, a súa forza e paixón. Desexámoslle a todos os equipos sorte no inicio da Liga, e vémonos no próximo gran evento, a Copa Galicia, que se celebrará a fin de semana do 14 e 15 de setembro.

Non faltedes!