A COPA GALICIA DE BALONMÁN DECIDIRASE ESTE DOMINGO EN A CORUÑA

O Pavillón San Francisco Javier, co Attica 21 Hotels Oar Coruña coma anfitrión, acollerá as finais masculina e feminina da Copa Galicia de Balonmán.

O Attica 21 Hotels Oar Coruña será o club organizador da Fase Final da Copa Galicia 2024. O Pavillón San Francisco Javier acollerá as dúas finais.

Ás 17.00 horas, o Solimusic Events Carballal, equipo recentemente ascendido á División de Honra Ouro nacional, enfrontarase a un Oliveira & Faro Saeplast Cañiza que aínda que actualmente milita na División de Honra Prata, ven de reforzarse con xogadoras que a priori darán un salto competitivo ao equipo da comarca de Paradanta; os dous equipos da provincia de Pontevedra reeditarán a final feminina da anterior edición; ambos conxuntos tratarán de acadar o título galego que lles permita comezar coas mellores sensacións a tempada 2024-2025.

Por outra banda, ás 19:00 horas, o equipo anfitrión, o Attica 21 Hotels Oar Coruña, recibirá a un Balonmano Reconquista de Vigo que ven de eliminar nas semifinais a un dos conxuntos que sobre o papel partía coma favorito, o Lirón S.D. Teucro. O conxunto vigués, que destaca por vir desplegando un bo xogo colectivo ao longo da pasada campaña, tratará de asaltar o feudo herculino, mentres que o renovado Attica 21 Hotels Oar Coruña tratará de facerse forte na súa casa e de amosar as súas credenciais para acadar o ascenso á ansiada División de Honra Prata no balonmán nacional.

O presidente da Federación Galega de Balonmán, Bruno López, comentaba as impresións do ente federativo sobre esta fase final: “é unha ledicia volver cun evento destas características a Coruña, dende a xunta directiva do Oar Coruña púxose moito interese na celebración desta fase final, aínda que a nivel de instalación temos moitas limitacións para poder montar todo o que acostumamos a desprazar, trataremos de adaptarnos, xa que cremos que esta pode ser unha primeira toma de contacto para a realización nun futuro de máis eventos que nos axuden a promocionar o balonmán na cidade, estamos seguros que as dúas finais serán moi emocionantes”.

Pola mañá, coma preludio á Fase Final da Copa Galicia, as seleccións galegas infantil e cadete masculina realizarán unha sesión de adestramento no pavillón San Francisco Javier, ás 10.00 horas e 12.00 horas respectivamente.

A entrada da Copa Galicia será gratuíta para menores de dezaseis anos, terá un custe de cinco euros para o resto de persoas que adquiran a entrada online a través da App Cluber, na páxina web da Federación Galega de Balonmán e de seis euros en taquilla o día do evento, dando dereito a presenciar os dous partidos.

https://app.cluber.es/clubes/32f3afddaa8d2bf256adac5484b79a8aab38fe4e/portal/tickets

A Federación Galega de Balonmán anima a todos os afeccionados/as ao balonmán a que se acheguen este domingo ao Pavillón San Francisco Javier da Coruña a presenciar as finais da Copa Galicia 2024.