VIGO COROA AOS CAMPIÓNS DA SUPERCOPA IBÉRICA E DA SUPERCOPA DE ESPAÑA FEMININA

O IFEVI puxo o broche de ouro á primeira gran fin de semana da tempada 2026-2027 coa conquista do Barça na Supercopa Ibérica e do Rocasa Gran Canaria na Supercopa de España Feminina.

O Instituto Feiral de Vigo (IFEVI) viviu este sábado a xornada definitiva da Supercopa Ibérica e da Supercopa de España Feminina, dúas competicións organizadas pola Federación Galega de Balonmán e a Real Federación Española de Balonmano coa Deputación de Pontevedra como principal colaboradora do evento.

Tras unha fin de semana de máximo nivel deportivo, o Barça proclamouse campión da Supercopa Ibérica por quinta edición consecutiva, mentres que o Rocasa Gran Canaria levantou a Supercopa de España Feminina nunha emocionante final fronte ao Super Amara Bera Bera. A xornada tamén serviu para decidir o terceiro posto da competición ibérica, que acabou nas mans do FC Porto.

Durante dous días, Vigo reuniu algúns dos mellores equipos de España e Portugal, converténdose no epicentro do balonmán de élite e dando o pistoletazo de saída oficial á tempada 2026-2027.

O FC PORTO PECHA A SUPERCOPA IBÉRICA CO TERCEIRO POSTO

A xornada comezou co encontro polo terceiro e cuarto posto da Supercopa Ibérica, no que o FC Porto se impuxo ao Irudek Bidasoa Irún por 32-25.

O partido arrancou cun alto nivel defensivo e cun Bidasoa moi competitivo durante os primeiros minutos, apoiado no traballo da súa portería e nunha defensa intensa. Co paso do encontro, o conxunto portugués foi atopando maior fluidez ofensiva e aproveitou as perdas e imprecisións do rival para abrir unha vantaxe importante antes do descanso (19-14).

Na segunda metade, o Porto mantivo o control do marcador, administrou a diferenza con madurez e certificou unha merecida terceira posición nun torneo de enorme esixencia.

O ROCASA GRAN CANARIA CONQUISTA A SUPERCOPA DE ESPAÑA FEMININA

A segunda final da tarde coroou ao Rocasa Gran Canaria como campión da Supercopa de España Feminina tras superar ao Super Amara Bera Bera por 25-23 nun encontro emocionante ata o último segundo.

O partido estivo marcado pola igualdade desde o inicio e tamén pola lesión da porteira do Rocasa Lourdes Guerra nos primeiros minutos. Lonxe de baixar os brazos, o equipo canario respondeu cun enorme traballo colectivo e cunha actuación decisiva de Ana Belén Palomino baixo paus.

O descanso chegou cun empate a 14, e na segunda metade o Bera Bera chegou a tomar a iniciativa no marcador. Con todo, o Rocasa soubo reaccionar, recuperar a vantaxe e manter a calma nos instantes finais. Un gol de Fernanda Lima nos últimos segundos sentenciou definitivamente o encontro e entregou ás canarias o primeiro título oficial da tempada.

O BARÇA REVALIDA O TÍTULO DA SUPERCOPA IBÉRICA

O gran peche da fin de semana chegou coa final da Supercopa Ibérica, que volveu enfrontar ao Barça e ao Sporting CP nun duelo de auténtico nivel europeo.

Os dous equipos ofreceron un espectáculo de intensidade, velocidade e calidade durante os sesenta minutos. O Barça marchou ao descanso cunha mínima vantaxe (19-18), pero na segunda metade conseguiu abrir diferenzas grazas ao seu acerto ofensivo e ás intervencións decisivas da súa portería.

O Sporting CP non deixou de competir en ningún momento e mantívose vivo ata os últimos minutos, pero o conxunto blaugrana soubo xestionar a renda para acabar vencendo por 39-34 e levantar a súa quinta Supercopa Ibérica consecutiva.

Con este triunfo, o Barça confirma unha vez máis o seu dominio na competición ibérica e inaugura a tempada 2026-2027 cun novo título nas súas vitrinas.

VIGO DESPIDE UNHA FIN DE SEMANA DE BALONMÁN DE ELITE

A celebración da Supercopa Ibérica e da Supercopa de España Feminina converteu Vigo e o IFEVI no gran escenario do balonmán da Península durante toda a fin de semana, reunindo a algúns dos mellores clubs de España e Portugal nun evento que abriu oficialmente a tempada 2026-2027.

Desde a Federación Galega de Balonmán queremos agradecer á Real Federación Española de Balonmán, á Xunta de Galicia, ao IFEVI e a todas as entidades colaboradoras o seu apoio para facer posible unha competición desta dimensión.

Un agradecemento moi especial á Deputación de Pontevedra, principal patrocinadora do evento, polo seu compromiso e colaboración para facer realidade esta Supercopa Ibérica e Supercopa de España Feminina. O apoio da Deputación de Pontevedra foi fundamental para que Galicia e a provincia de Pontevedra volvesen acoller un evento internacional destas características, reafirmando unha vez máis a súa aposta polos grandes eventos deportivos e polo crecemento do balonmán na nosa comunidade.

Do mesmo xeito, queremos dar as grazas á afección, que respondeu de maneira extraordinaria durante as dúas xornadas, enchendo as bancadas do IFEVI e acompañando aos equipos nunha auténtica festa do balonmán de elite e no primeiro gran evento da tempada 2026-2027.