AS FEDERACIÓNS GALEGAS E LETE LASA REACTIVAN OS GRUPOS DE TRABALLO NA PROCURA DUN MODELO PARA RETOMAR A ACTIVIDADE DEPORTIVA AUTONÓMICA

O presidente da Federación Galega de Balonmán, Bruno López, reuniuse no día de onte co secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete, e o resto das federacións galegas de deporte de equipo para traballar na reactivación da actividade dos clubs.

Esta reunión é o primeiro paso, pero aínda hai moito por facer. Quedan por diante quince días de intenso traballo para conseguir establecer as pautas que permitan aos nosos clubs regresar primeiro ao adestramento con contacto e máis tarde ás competicións.  Desta forma, dentro de dúas semanas volverán reunirse federacións e Xunta para comezar a implementar novas medidas que permitan avanzar cara a recuperación da normalidade na práctica deportiva galega.

Nesta xuntanza, Bruno López insistiu na necesidade de que os clubs retomen a súa actividade, iso si, establecendo as medidas de protección necesarias, tal e como se fixeron noutros sectores da poboación. Ademais non hai que esquecer a importancia que ten o deporte na sociedade e a súa incidencia na saúde, algo máis importante que nunca no momento actual.

Segundo explicou o secretario xeral para o Deporte na reunión, a reactivación dos grupos de traballo a nivel autonómico coincide coa decisión do Consejo Superior de Deportes de crear dunha plataforma de coordinación con todas as federacións e comunidades, así como a elaboración dun protocolo marco para as competicións non profesionais de ámbito estatal.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *