OS DÍAS 19 E 20 DE MAIO CELEBRARASE EN CAMARIÑAS A FINAL DA COPA 5X5 DEPUTACIÓN DA CORUÑA

Chegou o momento da gran final da Copa 5×5 Deputación da Coruña – Balonmán na Rúa, un proxecto novidoso, dirixido a nenas e nenos de 6 a 11 anos, que puideron achegarse ao balonmán dunha forma lúdica e deportiva. Os días 19 e 20 de maio celebrarase en Camariñas (Praza de Abastos) a Fase Final desta competición, na que participarán os vencedores das seis probas clasificatorias nas categorías alevín e benxamín.

A Copa 5×5 Deputación da Coruña está formada por un total de seis probas clasificatorias e unha final. A competición arrincou en Carballo a comezos de febreiro e posteriormente desprazouse a Cerceda, Culleredo, Pontedeume, Ribeira e Ferrol. Nestes lugares dispúxose un estadio de mini-balonmán ao aire libre, con bancadas dende as que  as familias podían gozar vendo en acción aos máis pequenos/as. A Federación Galega de Balonmán, da man da Deputación da Coruña, contactou cos centros escolares das diferentes localidades, nos que se impartiron sesións de promoción do balonmán e se presentou esta competición, na que podían inscribirse de forma gratuíta.

O balance desta primeira edición da Copa 5×5 Deputación da Coruña non pode ser máis positivo, tal e como explica o presidente da Federación Galega de Balonmán, Bruno López: “O impacto foi tremendo. Conseguimos que o balonmán fose o centro de atención durante tres días en todas as localidades onde estivemos, que moitas nenas e nenos o practicasen por primeira vez e sobre todo, esta iniciativa acadou reunir a moita xente que levaba tempo desvinculada do balonmán: En Cerceda xa está en marcha unha escola de balonmán con máis de corenta nenos e nenas, e en Ribeira se están a dar os pasos para crear un club de balonmán. É un formato que chegou para quedarse, xa contactaron con nós dende outras comunidades e incluso outros países para  interesarse por el”, sinalou.

A FASE FINAL

En Camariñas a proba comezará o venres cunha competición local na que poderán participar equipos da localidade e arredores. A gran final da Copa 5×5 celebrarase o sábado cos seis equipos clasificados por categoría. Os finalistas estarán divididos en dous grupos de tres equipos cada un, que xogarán unha liguilla de todos contra todos. O primeiro clasificado de cada grupo clasificarase para a final.  Na categoría benxamín participarán STAR  (campión da proba de Carballo), ABEGONDO MAGICS (de Cerceda), BM RIBADOSAR (Culleredo), BALONMÁN FRAGAS DO EUME (Pontedeume), LOS TIGRES DEL BAYÓN (Ribeira) e ABEGONDO (Ferrol).

Na categoría alevín os equipos participantes son: CULLEREDO (finalista en Carballo), ABEGONDO SUPERSTAR (Cerceda), BM RIBADOSAR (Culleredo), NARÓN CULLEREDO (Pontedeume), FRIÓNS AL PODER (Ribeira) e LOS TIGRES (Ferrol). A proba será retransmitida por streaming a través da canle de youtube da Federación Galega de Balonmán.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *